Descobre Arzúa
Historia, Cultura e Patrimonio
Capela da Mota
A un quilómetro escaso da igrexa de Santo Estevo do Campo, rodeada dunha pequena carballeira está a Capela da Mota. Pequena, de pedra do país e cun abrigo lateral cuberto soportado por columnas redondas, tamén de pedra miúda.
É humilde, con sabor a pobreza labradora. Semella coma se, de propósito, fose ese o seu meirande valor, fundirse co monte nunha sinxeleza que transmite harmonía.
Tres santos habitan este templo: San Bartolomé, San Mateo e San Simón.
A San Bartolomé celébranlle romería o vinte e catro de agosto. Moreas de xente acoden a el para que co coitelo-espada de madeira que ten na man lle corten os “lobiños”, tamén chamado bocio, moi abundante nestas terras do interior, escasas en iodo. A operación consiste en pasar un funcionista da romería o coitelo pola gorxa do ofrecido e este deixa unha esmola en cartos ou en especie.
Tamén é avogoso para as mulleres de parto, para as treboadas, e protector dos rebaños de animais.
Hai un dito que case semella unha oración que resume estes poderes:
“Onde o teu nome sexa nomeado,
non morrerá muller de parto,
nin neno afogado,
nin entrará ningún bicho fero
no teu rebaño”.
Din os máis vellos que nunca un lóstrego nin un pedrazo maligno caeu nesta parroquia. Abonda con que en día de tronada, o sancristán repenique a campá para que todas as terras onde o seu son sexa oído queden protexidas coma se dun poderoso para lóstregos se tratase.
“Somos lenda viva”.
Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio.