Descobre Arzúa
Historia, Cultura e Patrimonio
Capela de Fonte Santa
Muíño, capela, fonte e río conforman a paraxe da Fonte Santa, onde parece que o tempo se detivo para darnos a coñecer a antigüidade.
A capeliña confundida no medio da carballeira xunto coa fonte e o muíño conforman un contorno onde as prácticas pagás e cristiás de milagres e curacións están sempre presentes.
Segundo contan os ditos populares a fonte deixou de deitar a súa auga cando alguén quixo facer negocio cobrándolla a quen a precisaban para que lles dera a saúde e lles quitara a enfermidade.
Á fonte atribúenselle toda clase de milagres e virtudes curativas. As súas augas son sanadoras das queimaduras, dan ganas de comer e quitan as penas.
Tamén conta a tradición que os peregrinos que quedaban eivados, por causa das chagas que se formaban nos seus pés, acodían a lavalos á fonte e de contado acadaban a curación e podían seguir o camiño aos poucos días.