Turismo activo
Deportes, Sendeirismo e BTT

O Camiño de Santiago
O Camiño Francés a Compostela cruza o concello de leste a oeste. Entra en Arzúa pola parroquia de Boente, onde nos recibe a Fonte da Saleta e segue na parroquia de A Castañeda, que xa se recollía no Códice Calixtino baixo a denominación de Castaniolla. O documento xacobeo destaca que neste lugar se atopaban os fornos para o cal empregado na construción da catedral compostelá. Eran os propios peregrinos os que, como un xeito de penitencia, levaban ata Castañeda a pedra caliza que eles mesmos recollían á altura de Triacastela.
Logo de pasar Castañeda, o Camiño de Santiago conduce o peregrino en dirección ao río Iso e, cruzando a ponte medieval, chégase a Ribadiso, o lugar no que se atopa un dos albergues cos que conta o concello.
O albergue de Ribadiso inaugurouse en 1993 e é o froito da rehabilitación do antigo hospital de peregrinos de Ribadiso onde durante séculos un hospitaleiro atendía con toda caridade ós camiñantes, segundo un documento do ano 1523.
Outro caso idéntico é o do albergue que se atopa na vila de Arzúa, a carón da capela da Madalena e construído no que foi, no século XV, o hospital de peregrinos do convento dos frades agostiños.





