O Camiño de Santiago por Arzúa

Fonte da Quenlla

Fonte da Quenlla

Fonte de auga nas proximidades do Castro Curbín, cunha lenda asociada na que podemos ver a pervivencia dos cultos pagáns na tradición oral galega.

Fonte de auga nas proximidades do Castro Curbín, cunha lenda asociada na que podemos ver a pervivencia dos cultos pagáns na tradición oral galega.

Lenda da Fonte da Quenlla


Mariquiña era unha rapaza moi pobre, tan pobre que só posuía un xato e unha vaca, aos que todos os días levaba pacer ao Castro Curbín.

Un día que voltaba do Castro, os animais quixeron parar a beber na fonte da Quenlla. Ela tamén se anicou para tomar unha pouca auga, e no momento no que os seus beizos rozaron o líquido, comezou a escoitar unha doce música e viu un gran relucir. A luz comezou a tomar forma dunha silueta de persoa, a música cesou, e Mariquiña viu unha muller moi guapa, loira e toda ela vestida de branco, que lle dixo:

– Non teñas medo, Mariquiña. Son a fada desta fonte, non che vou facer nada. Toma, isto é para ti- dixo entregándolle un saquete de moedas de ouro- Só me tes que prometer dúas cousas: que non lle dirás a ninguén nada da miña existencia e que cada vez que cozades, traerasme un anaco de bola.

Mariquiña, así o prometeu, e no sucesivo, cada vez que voltaba do Castro, a muller perfumábaa, peiteábaa, e de cando en vez, dáballe un saquete coas moedas.

Un día, coceron na casa, e Mariquiña colleu un anaco de bola para ela e outro para a fada. Ao vela, súa nai preguntoulle para quen era a bola, ela respostoulle que era para ela, pero a nai sabía que ela non sería capaz de comer tanta bola, tanto lle insistiu, que ao final, Mariquiña díxolle:

– Sempre que volto do Castro, na fonte da Quenlla, aparéceseme unha muller que me peitea e que me dá cartos, e a ela é a quen lle levo a bola.

Unha vez sabido isto, a nai deixouna ir sen maior problema. Á noitiña, ao ver que Mariquiña non voltaba, a nai saíu ver que pasaba. Escoitou uns pasos: eran a vaca e o xato que voltaban sós. De Mariquiña, nunca máis nada se soubo; uns din que se perdeu, outros que a fada da fonte a levou con ela por faltar á súa promesa, pero isto é un misterio que a fonte da Quenlla encerra e encerrará para sempre.